Ao mal tempo, cogomelos. Unha das mellores cousas que nos ofrece o outono é a proliferación do reino Fungi. Fainos especial ilusión esta actividade programada cos amigos de Mycogalicia Plantae.
Será unha ruta sen itinerario fixo, avanzarase conforme ao grupo e por onde vaian aparecendo os cogomelos. O parque forestal de Saiáns ofrece un espazo amplo, con moita diversidade de árbores (sobre todo carballos e castiñeiras), moi axeitado para a busca.
O punto de partida é un merendeiro, situado nun souto de gran extensión, pero con pendente, que se pode camiñar pouco a pouco. O percorrido farase a ritmo lento, parando a explicar as diferentes especies que aparezan.
Ao rematar, volvendo ao punto de partida e aproveitando as mesas de pedra, farase unha exposición e repaso dos cogomelos atopados.
Queremos aclarar que non é unha ruta de recollida de cogomelos, é unha actividade didáctica na que imos aprender sobre as diferentes especies presentes na nosa contorna para saber diferencialas.
Sempre recomendamos levar roupa e calzado cómodo, estaremos en zonas de terra e con follas caídas, e probablemente o terreo estea húmido, polo que os pés se poden chegar a mollar.
Información da actividade
Hora de comezo: 10:30 h (prégase puntualidade)
Hora aproximada de finalización: 12:30 h
Dificultade: fácil
Recomendacións
Calzado axeitado para montaña ou sendeirismo.
Roupa cómoda e adaptada á climatoloxía, e bastóns ou elementos de apoio similares.
Auga.
